A miña historia

11 mar. 2011



Boas a todos. ¿qué tal?. Espero que moi ben. Antes de que siga esta conversa que estou a comenzar permitídeme que me presente: son a Festa da Filloa de Muimenta, teño dezaseis anos e vivo no Recinto Feiral “Manuel Vila López” desta vila chairega da provincia de Lugo.

Os meus pais son os industriais da parroquia de Muimenta, que tras moitas reunións, viron a necesidade de recaudar fondos para o cuidado (a organización) do meu irmán maior MOEXMU (Mostra Exposición de Muimenta). Entre vosoutros e máis eu, e tendo en conta que non nos oe ninguén, teño que decirvos que cando sae da casa, de festa e troula, gasta moitos cartos.

Nacín a comenzos da década dos noventa, como dicía anteriormente, neste pequeno gran pobo da Comarca da Terra Chá; a maioría da miña familia son veciños de Muimenta (meus pais, tíos, sobriños, curmáns e demais familia) aínda que tamén teño familia nos pobos e vilas veciñas (Outeiro, Bazar, Pacios, Prevesos, San Martiño, Vilarente, A Graña, O Arneiro, Roás, Triabá e ata na capital de provincia, na cidade das murallas).

A continuación contareivos pouco a pouco a miña vida e a relación coa miña familia:

Como vos dicía hai uns intres, nunha reunión de meus pais, os industrias de Muimenta, xurdíu a idea de que se podía organizar unha Festa gastronómica, a ser posible dun producto autóctono e da propia zoa para conseguir fondos para MOEXMU. Daquí nace a posibilidade de comenzar coa celebración da Festa da Filloa, producto galego, herdado das nosas avoas e moi típico do Antroido.

Pero, á beira de pais, necesitaba unhas nais, e eles puxéronse a buscalas. Decidiron poñerse en contacto coas mulleres do pobo para saber se estaban interesadas en levar adiante este “embarazo”. A resposta foi sorprendentemente positiva, rompendo todos os pronósticos que se agardaban, xa que non só se conseguiu que viñeran moitas mulleres e de tódalas idades para elaborar este típico producto da gastronomía galega, senón que tamén apareceu xente para axudar a servir as mesas e tamén para colaborar noutras “facetas do parto”.

Para anunciar e publicitar o meu nacemento, falouse co meu curmán, Pepe da Gloria, para que fixera un cartel onde se anunciara que ía ver a luz nas próximas datas. Hai que decir que foi simple e directo: unha das miñas avoás, sentada ó lado dunha prancha das antigas para facer as filloas (das de leña) e coas zocas de toda a vida, que tanto se teñen usado para o coidado dos pés.

Por fin, vin a luz o primeiro de maio do ano 1.992, foi a miña presentación en sociedade (un ano moi importante en España: Xogos Olímpicos, Exposición Universal, Capitalidade Europea da Cultura). Quen me ía dicir a min que no meu nacemento ía codearme con pobos coma os de Barcelona, Sevilla ou Madrid; non sei se isto sería o preludio de algo moi importante, ou non, o tempo o dirá.

Foi unha xornada emocionante, chea de nervios xeneralizados, medo ó descoñecido, medo a que o parto fora compricado. Fixádevos que ata eu tiña medo de que algo saíra mal, pero todo foi de marabilla.

Miñas nais entraron no paritorio sobre as nove da mañá, e fixeron que o parto fora rápido e sen dor. A verdade, tiñades que ver a cara de meus pais, pasaron dun rostro de nerviosismo en persoa a unha felicidade infinita. Todo saíu á perfección, as filloas despacháronse durante toda a xornada, durante momentos pensei que acababan comigo; previsores meus pais decidiron que tamén houbese churrasco, criollos, e pan para comer, agua, viño, café e a típica queimada galega para acompañar o xantar.

A xornada foi longa e emocioante. Todo saiu ben. Tiven como padriño de honra a Primitivo Iglesias, catedrático de Lingua Galega, que no seu pregón animou a que a festa da filloa levedase coma o pan na maseira e que seguira ano tras ano, ó tempo que me dedicou importantes verbas coma “ben como comida principal, ben como larpeirada de sobremesa (que os chairegos, sen dúbida, somos algo dados ás lamboadas), existen varios xeitos de facer as filloas, dependendo das posibilidades de cada quen. Hai filloas de anís, filloas recheas de licor, e filloas recheas de mel e azucre, que colmarían o gusto do padal máis esixente. Tamén hai filloas de caldo, de centeo de mestura (maíz e trigo), que con leite ou con touciño colmarían a andorga dos máis larpeiros. Hai filloas de sangue, moi populares por toda Galicia, e filloas de leite ou de calostros, que seguro que todos os presentes recordamos nas nosas casas. E hai filloas queimadas, filloas de lacón, e migados e faragullos, e máis humildemente freixós e freixoas, que nalgunhas casas eran cocidos nunha simple pedra, preparada par o tal efecto”.

Tamén os máis novos do pobo, a través do grupo de baile da Asociación Cultural e Veciñal “Aquilino Iglesia Alvariño”, participaron na xornada , feito que se mantivo ó longo de varios anos, todos con grande ilusión por participar dunha maneira tan activa no meu nacemento.

As opinións sobre o meu nacemento foron moitas, pero a maioría anónimas, sen moita publicidade, aínda que conseguin rescatar algún recorte de prensa.

Tendo en conta coma foi todo, meus pais decatáronse de que se conseguiran moitas cousas en pouco tempo: éxito á hora de conseguir que viñeran mulleres a facer filloas, moitos visitantes que estiveron a a punto de acabar coas existencias das filloas; saíralles unha filla tan guapa e forte que non o crían, ó tempo que pensaban que se algo saía mal, tiña ó seu irmán maior MOEXMU que xa tiña oito anos que estaría pendente de mín en todo momento.

Desta maneira, decidiuse que ó ano seguinte, se celebrase o meu aniversario. Para aquel entón a miña familia xa aumentaba. Miñas nais, as filloeiras, eran máis; meus tíos, os churrasqueiros, tamén; ademais, que meus curmáns atendían a tódolos visitantes que se acercaban ata onde eu vivía para que me coñeceran.

Para todos aqueles que non me coñecían, meus pais seguiron anunciando a celebración do meu aniversario, pero esta vez xunto a miña avóa, a mesma que atendía a prancha das filloas, aparecían unhas verbas da miña madriña de honra, Marica Campo, que din así:

ODA Á FILLOA

Vés das mans das avoas das nosas avoas,
moi ilustre señora, filloa, vella amiga,
fino corpo lixeiro, leite e fariña triga,
para ti a nosa festa, para ti as nosas loas.

Se con mel ou con zucre, toda amor, te nos doas,
é xusto que adozada a nosa língua diga
por mellor festexarte tamén unha cantiga
en Muimenta onde hoxe raíña te coroas.

Aquí está a túa casa, que o pobo ten memoria
e sábeche as fazañas, os días de contento
que regalache ós pobres todo ó longo da historia.


O antigo e o novo, xuntos nun mesmo alento,
Traerán a esta vila un futuro de gloria,
¡que árbore con raíces non a derriba o vento!.


A verdade é que os visitantes aumentaron considerablemente, teño que decirvos que se esgotaron as filloas que se eleboraran o día anterior e durante toda esa xornada no Recinto Feiral de Muimenta.

O éxito do meu aniversario colleu a todos de novo de imporvisto, e acordouse seguir adiante coa Festa da Filloa.

Nos seguintes anos, os visitantes que viñan a verme seguían aumentando. Non chegaba o traballo de meus pais, polo que se decidiu buscar axuda entre a miña familia dos pobos cercanos. De súpeto, vin como a mesma seguía medrando.

No ano 1.994 conclúe unha escola taller que houbo no meu pobo e que gracias a ela rehabilitouse a Escola Vella como Local da Terceira Idade e os Stands onde vivo, deste xeito xa tiña cabida na miña Festa os artesáns e os productos galegos de calidade, que dende esas datas, me visitan todos os anos.

Non sei se a estas alturas do meu relato, se decataron de que o meu aniversario coincide coa Festa do Traballo, o primeiro de maio, xornada na que se celebra e festexa o logro, por parte dos traballadores, dos dereitos sindicais que hoxe se recoñecen en calquer sociedade moderna. Existen manifestacións onde se reclaman os dereitos dos traballadores e a mellora das condicións laborais dos mesmos. E... ¿que mellor maneira de celebrar esta xornada que traballando, como fai a miña familia, na procura de que todos poidan disfrutar deste típico postre galego.

No ano 1.996, xa entrei no colexio, en educación infantil, e coñecín a máis xente, que se fixeron os meus amigos e amigas e que convidaba cada ano ó meu aniversario; cada primeiro de maio acudía maís xente e de máis lonxe, a Terra Chá xa se me quedaba pequena. O meu convidado estrela nese ano foi o artista Paco Pestana.

Continuaron a vir artesán do coiro (por exemplo o de Melide) ou de madeira, productos galegos de calidade coma os queixos de San Simón ou o viño da Ribeira Sacra, o mel, etc.

Son moi coñecida no ano 1.997 e convertíndome nun referente na vida da provincia, meus pais deciden convidar a miña festa a Gonzalo Edrosa, por aquel entón adestrador do Clube Deportivo Lugo, equipo que militaba na Segunda División do Fútbol Español.

Por certo, ¿non se preguntan por que sempre falo de meus pais e non de meu pai? Pois moi sinxelo, como dicía ó principio do meu relato, teño mais de sesenta pais, todos industriais ou autónomos do pobo, que me miman, me cuidan e agasallan co seu traballo e agarimo, ó tempo que me deixan ver a realidade que me rodea, a falta de apoio (nalgunha ocasión) dalgún organismo, co cal, hai veces que non poido cubrir os gastos que teño ó ir medrando, tamén vexo o traballo que teñen que levar a cabo para intentar cubrir a multitude de gastos ós que teñen que facer fronte para a miña educación, os días e as noites que sacrifican para o meu coidado, etc. Pero non importa, con moito cariño e traballo conseguín sair adiante.

Comezo a estudiar educación primaria no ano 1.998; meus pais téñenme reservada unha sorpresa que non contaba con ela: tanto a min coma a meu irmán MOEXMU, puxéronnos un titor que nos vai controlar os nosos estudios, os nosos gastos, a nosa maneira de vivir e ata o último movemento que fagamos, pois se eu fose gastar cartos coma meu irmán, o peto non chegaría para os dous.

Nese ano non só foi a chegada dun titor, senón que á parte da choiva (que por certo me visita en moita ocasións para intentar fastidiarme o meu aniversario, aínda que se non o logrou noutros anos, non o vai conseguir agora), viñeron visitarme dous dos fundadores da Asociación Cultural e Veciñal “Aquilino Iglesia Alvariño” que tantas boas cousas trouxo ó meu pobo (Centro médico, área recreativa “Ribas de Miño”, campo de fútbol, terreos e xestións para o Colexio Público, xestións para a creación do Centro da Xuventude e da Terceira Idade “Manuel Gesto Varela”, a compra do Recinto Feiral “Manuel Vila López” onde se celebra a MOEXMU ou a Festa da Filloa, etc.)

No ano 1.999, alcancei o meu sétimo aniversario e co fin de axudar ó meu crecemento e amenizar a miña Festa aparece a música tradicional. Chega o ano 2.000 e meu titor xunto cos meus pais, poñen a andar o Concurso de Debuxo e Relato “Filloa”, onde participan os nenos e nenas da ata 16 anos de tódolos centros educativos, tanto públicos coma privados, da Terra Chá (Concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Meira, A Pastoriza, Rábade e Vilalba); deste xeito á parte de coñecer o que pensaban os meus compañeiros de colexio, meus pais podían aproveitar as ideas que eles nos daban para a celebración.

O éxito da convocatoria foi impresionante, participando máis de douscentos nenos e nenas cos seus traballos de poesía ou relato, ademais dos seus debuxos.

Para o ano 2.001, o cartel anunciador da feira foi un dos debuxos gañadores da primeira edición do concurso, concurso que se volveu a convocar e perdura ata o día de hoxe, con grande interese por parte dos máis novos. A súa autora fora Isabel Salgado de A Pastoriza, aínda se conservan o seu debuxo e algún cartel nas oficinas centrais do Recinto Feiral “Manuel Vila López”; en todos eles, podemos ver como os máis novos ven, opinan e aportan ideas para a Filloa.

Os nenos do colexio de Muimenta xa fixeran filloas na clase para coñecer os seus segredos, como se fai o amoado, como se elaboran, o tempo de espera na prancha, etc. As novas xeneracións tamén me queren coñecer.

No ano 2.002, adiántase a celebración do meu irmán maior ós primeiros días de abril, xa que empezábase a ver que non viñan tantos convidados como en anos anteriores, pero iso a min non me importa xa que a xente sigue vindo á miña Festa co mesmo entusiamo ca antes.

Como noutras edicións, celebrouse, xuntamente co meu aniversario unha nova edición do torneo de caza “San Huberto”, vense a facer no coñecido coma monte do Arneiro; alí uns vinte cazadores disputan o devandito torneo e, despois do xantar no Recinto Feiral, entregan os premios ós seus gañadores. É un concurso de moita tradición e importancia non só en Galicia, senon tamén en España e en moitos puntos de Europa.

En 2.004, estou no meu último ano de colexio e comezo a ver preto o Instituto. Os mozos fíxanse en min, non só os cazadores, o meu noivo máis ou menos oficial, senón que outras festas e feiras achéganse ata mín para ver como é a miña organización; estou nerviosa e emocionada, xa que tamén poden ver os meus defectos, maís estou segura que son máis as miñas virtudes. Neste ano decátome de que miñas nais, as filloeiras, non poden co seus brazos de tanto batir, teño que buscar unha solución; traballan moito para sacarme adiante.

Cando chego ó Instituto no ano 2.005, a miña vida está chea de cambios: agasállanme cun tanque de frío para facer o amoado das filloas xa que o número de visitantes é tan grande que as mulleres non daban “batido” tanta cantidade de litros coma era necesario, máis de cincocentos. Faise un libro coa historia de Muimenta, da Festa da Filloa e de receitas para comerme do máis interesantes (filloas con centolo é un simple exemplo). Cabe recordar que non só sirvo para comerme coma postre e no Entroido, pois tamén son útil noutras épocas do ano ou con calquer tipo de comida, axudando así á desestacionalización da filloa no tempo.

Pero sin lugar a dúbidas, o maior cambio e co que máis ilusión afrontei foi a Escola de Filloeiras e Filloeiros, cun grande éxito, acuden novos e vellos, mulleres e homes para así coñecer os segredos das filloas, como se prepara o “amoado”, e o seu tempo de espera, como se quenta e prepara a prancha, como se viran, como se unta co touciño, etc. Durante unha semana máis de vinte persoas acuden ó Recinto Feiral de Muimenta ás clase de dúas de miñas nais (Dominica e Claudina), onde ensinaron todos os seus trucos para que as tradicións non se perdan.

Tamén se edita un libro coa miña historia e receitas para cociñarme; á verdade non era eu coñecedora de todas as miñas posibilidades.

Corre o ano 2.006; o meu nerviosismo é maíusculo, visítame a T.V.G., o programa diario chamado de “A Revista”, para que todos os galegos vexan como máis de dúascentas personas (non solo de Muimenta, senón dos pobos cercanos, a miña familia), loitan cóbado con códabo durante toda a xornada do Día do Traballo dunha maneira gratuita e de balde para que o éxito sexa maior. É unha gran responsabilidade e espero estar á altura das circunstancias.

O meu único agasallo para a familia é unha comida homenaxe que meus pais lles adican ó domingo seguinte no Recinto Feiral, co fin de agradecerlles o seu traballo e a súa dedicación. Coincidencias da vida, na xornada adicada ó “Día da Nai”.